Enredando Tour AMTEGA 2026: conectando persoas, territorio e oportunidades
Chegamos ao final dunha nova edición do Enredando Tour AMTEGA 2026, un percorrido que nos levou por distintas localidades galegas coa mesma misión de sempre: achegar a tecnoloxía ás persoas dun xeito próximo, útil e accesible.
Ao longo destes meses percorremos centos de quilómetros, convertendo prazas, rúas e espazos comunitarios en puntos de aprendizaxe, encontro e acompañamento dixital. Desde Corcubión, Val do Dubra ou Monfero ata Coruxo, Rois, Vilanova de Arousa, Cervantes, Portomarín, O Valadouro, Rábade ou o barrio do Tirimol en Lugo, cada parada foi unha nova oportunidade para demostrar que a transformación dixital tamén se constrúe desde o ámbito local e rural.
Nesta edición participaron 142 persoas de toda Galicia, que se achegaron ao Tour para resolver dúbidas, descubrir ferramentas dixitais, perderlle o medo a determinados trámites tecnolóxicos ou simplemente gañar confianza no uso dos seus dispositivos.
Un proxecto con presenza en todo o territorio
A participación repartíuse entre as catro provincias galegas.
Estes datos reflicten a importancia de seguir levando iniciativas de capacitación dixital a todos os recunchos de Galicia, especialmente aos territorios rurais, onde a tecnoloxía pode contribuír de forma decisiva á autonomía persoal, ao acceso a servizos e á participación social.
Mulleres liderando a aprendizaxe dixital
Un dato especialmente relevante desta edición é a alta participación feminina.
Esta realidade confirma o interese crecente das mulleres por adquirir novas competencias dixitais e seguir avanzando cara a unha maior autonomía tecnolóxica, contribuíndo tamén a reducir diferentes fendas dixitais que aínda persisten.
Moito máis ca tecnoloxía
Durante o Tour falamos de banca dixital, administración electrónica, seguridade na internet, aplicacións móbiles, ferramentas útiles para o día a día e novas experiencias tecnolóxicas. Pero, sobre todo, compartimos tempo, conversas, aprendizaxes e moitas historias.
Porque detrás de cada quilómetro percorrido hai persoas con ganas de aprender, descubrir e seguir conectadas cun mundo cada vez máis dixital. E detrás de cada parada hai tamén unha rede de voluntariado, entidades colaboradoras e concellos que fan posible que este proxecto continúe chegando onde máis se necesita.
💙 Grazas a todas as persoas que participaron nesta edición, aos equipos de Cruz Vermella, ao voluntariado, aos concellos e a AMTEGA por facer posible que sigamos sumando aprendizaxes, conexións e oportunidades.
Seguiremos facendo #QuilómetrosDixitais. Seguiremos enredando.
#EnredandoTourAMTEGA2026 #QuilómetrosDixitais #AutonomíaDixital #CruzVermella #GaliciaDixital #CompetenciasDixitais