Enredando Tour AMTEGA 2026 xa está en marcha, unha nova edición desta iniciativa que volve percorrer o territorio achegando a tecnoloxía á cidadanía dun xeito próximo, práctico e participativo.
A primeira parada terá lugar mañá xoves 4 de xuño en Vilar do Barrio, onde se montará un espazo formativo itinerante na praza do Toural. Alí, o equipo de Cruz Vermella —formado por persoal especializado e voluntariado— estará listo para recibir ás persoas maiores interesadas en achegarse e descubrir a tecnoloxía.
O espazo contará con diferentes dispositivos como ordenadores, tablets, móbiles, altofalantes intelixentes ou lentes de realidade virtual, que permitirán aprender dunha forma práctica e accesible.
O tour continuará o seu percorrido pola provincia de Ourense coas seguintes paradas:
- 11 de xuño en Riós
- 12 de xuño en Vilardevós
- 16 de xuño pola mañá na Teixeira e pola tarde en Montederramo
Posteriormente, Enredando Tour chegará tamén ás provincias da Coruña, Pontevedra e Lugo, ampliando así o seu alcance.
Alén da capacitación dixital, esta iniciativa cumpre dous obxectivos primordiais: por unha banda, que as persoas maiores desfruten das vantaxes das tecnoloxías e non queden á marxe, e por outra, que o feito de vivir en pobos ou zonas rurais non supoña unha desvantaxe no acceso a estas ferramentas.
Os talleres centraranse en contidos clave para o día a día:
- Tecnoloxías: para saber que é a realidade virtual e a intelixencia artificial.
- Aplicacións útiles: para aprender a utilizar a banca electrónica e facer compras en liña.
- Seguridade na Rede: para coñecer máis sobre ciberseguridade e poder detectar posibles fraudes.
👉 As persoas interesadas nas actividades do Enredando Tour AMTEGA poden chamar ao teléfono gratuíto 900 825 030 ou escribir ao correo galicia@cruzroja.es.
Unha oportunidade para aprender, experimentar e, sobre todo, conectar coa tecnoloxía dun xeito sinxelo, útil e acompañado.