Cruz Vermella e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) desenvolven, por 3º ano consecutivo, esta iniciativa para reducir a fenda dixital en persoas con 55 e máis anos. A presentación do “Enredando Tour Amtega 2025” tivo lugar o 23 de maio en Silleda, unha das localidades nas que, nesta edición, estanse a desenvolver obradoiros cuxo principal obxectivo é reducir a fenda dixital e proporcionar ferramentas para o uso das tecnoloxías ás persoas maiores de 55 anos.
O Conselleiro de Facenda, Miguel Corgos López-Prado, a presidenta de Cruz Vermella, Mercedes Casanova Díaz e o director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Julián Cerviño Iglesia, foron as persoas encargadas de dar a coñecer os detalles e novidades desta iniciativa.
Para promover a capacitación dixital das persoas participantes nos obradoiros cóntase cunha furgoneta equipada con todos os dispositivos necesarios (portátiles, tabletas, altofalantes intelixentes…) e móntase un espazo formativo itinerante nun lugar céntrico de cada localidade para favorecer a participación das persoas que desexen participar e vivan nela. O tour fixo parada esta mañá na Praza do Concello de Silleda e continuará durante os meses de maio a xullo por outras localidades galegas.
A iniciativa cumpre dous obxectivos primordiais. Por unha banda, que as persoas con 55 e máis anos non queden fora do mundo dixital e gocen de todas as súas vantaxes, e por outra, que o feito de vivir en pobos ou zonas rurais non supoña unha desvantaxe para elas.

Esta actividade é froito da colaboración entre a Amtega e Cruz Vermella en Galicia, que se uniron por terceiro ano para facer este roteiro e este programa formativo en competencias dixitais pola nosa comunidade autónoma.
Contidos e novidades
Os obradoiros son impartidos por persoal especializado e voluntariado de Cruz Vermella e desenvolveranse polas mañás en horario de 10 a 14 horas. Neles ofrécense contidos formativos que faciliten o achegamento á realidade da tecnoloxía máis doméstica e presente en multitude de áreas da nosa vida cotiá. O máis importante é que o colectivo pérdalle o medo ás tecnoloxías e que desenvolva habilidades básicas ao familiarizarse con aplicacións que empregan intelixencia artificial e con conceptos como a realidade inmersiva (para o que poderán probar lentes de realidade virtual). Por outra banda, realizaranse sesións dedicadas de maneira específica á banca dixital e a ciberseguridade. Ademais, como novidade, realizaranse obradoiros para mellorar a capacitación dixital en persoas que estean á procura ou mellora de emprego.

Localidades
O roteiro empezou hoxe en Silleda e continuará polas provincias de Pontevedra, Ourense, A Coruña e Lugo facendo paradas nas seguintes localidades: Forcarei, Ponte Caldelas, Ribadumia, O Rosal, Barbadás, Ourense, A Rúa, Celanova, Carballiño, Cabana de Bergantiños, Tordoia, Trazo, Frades, Boiro, Vilalba, Guntín, Mondoñedo, Ribadeo e Foz.
As persoas interesadas nas actividades de “Enredando Tour” poden chamar ao teléfono gratuíto 900 825 030 ou escribir un correo electrónico a galicia@cruzroja.es.
No espazo das formacións daráselles tamén o apoio dixital que necesiten e se quedan con dúbidas ou queren realizar algunha consulta, teñen a opción de recibir asesoramento a través da web enredando.gal