“Enredando Tour” percorrerá 20 localidades galegas para promover a capacitación dixital das persoas maiores
- Cruz Vermella e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) desenvolven esta iniciativa para reducir a fenda dixital en zonas rurais
A presentación do “Enredando Tour 2024” tivo lugar o venres 12 de xullo en Noia, localidade na que se realizaron os primeiros obradoiros desta edición cuxo principal obxectivo é reducir a fenda dixital e proporcionar ferramentas para o uso das tecnoloxías ás persoas maiores de 55 anos.
A iniciativa cumpre dous obxectivos primordiais. Por unha banda, que as persoas maiores non queden fora do mundo dixital e gocen de todas as súas vantaxes, e por outra banda, que o feito de vivir en pobos ou zonas rurais non supoña unha desvantaxe para elas.
Esta actividade é froito da colaboración entre a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e Cruz Vermella en Galicia, que se uniron por segundo ano para facer este tour e este programa formativo en competencias dixitais pola nosa comunidade autónoma.
Contidos e novidades
Os obradoiros son impartidos por persoal especializado e voluntariado de Cruz Vermella e desenvolveranse polas mañás en horario de 10 a 14 horas. Neles ofrécense contidos formativos que faciliten o achegamento á realidade da tecnoloxía máis doméstica e presente en multitude de áreas da nosa vida cotiá. O máis importante é que o colectivo de maiores pérdalle o medo ás novas tecnoloxías e que desenvolva habilidades básicas para avanzar e aprender a navegar por internet, ter unha conta de correo, enviar mensaxes ou facer videochamadas.
Ademais, nesta edición incorporáronse novos contidos para que os maiores tamén se familiaricen con aplicacións que empregan intelixencia artificial e con conceptos como a realidade inmersiva (para o que poderán probar lentes de realidade virtual). Por outra banda, realizaranse sesións dedicadas de maneira específica á banca dixital e a ciberseguridade, que serán en horario de tarde, de 17 a 18:30 horas.
Localidades e sorteos especiais
O roteiro empezou en Noia e continuará polas provincias da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra facendo paradas nas seguintes localidades: Padrón, Corme, Ponteceso, Curtis, Castro de Rei, Becerreá, Chantada, Samos, O Incio, Abadín, Cartelle, O Irixo, Pereiro de Aguiar, Viana do Bolo, Monterrei, Marín, Moaña, A Estrada, Ponteareas e Mondariz.
En cada unha das localidades realizarase un sorteo especial dun portátil ou unha tableta entre os participantes dos talleres. As persoas interesadas nas actividades de “Enredando Tour” poden chamar ao teléfono gratuíto 900 825 030 ou escribir un correo electrónico a galicia@cruzroja.es.
No espazo das formacións daráselles o apoio dixital que necesiten e se quedan con dúbidas ou queren realizar algunha consulta, teñen a opción de recibir asesoramento a través desta web.